Friday 19 de April de 2024

A Xunta realiza accións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Lambre nos concellos de Paderne, Vilarmaior, Irixoa e Miño


― Estes traballos desenvólvense en distintos lugares destes catro municipios da provincia da Coruña, sumando os treitos obxecto das intervencións unha lonxitude total de 5,1 km

― As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas para evitar atoamentos na canle

― As accións enmárcase no programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito Galicia-norte

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Lambre ao seu paso polos concellos de Paderne, Vilarmaior, Irixoa e Miño.

Estes traballos desenvólvense en distintos lugares destes catro municipios da provincia da Coruña, sumando os treitos obxecto das intervencións unha lonxitude total de máis de 5,1 quilómetros.

As tarefas inclúen a retirada de árbores e pólas caídas na canle para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-norte e nas súas zonas de acceso e protección.

Estas intervencións do departamento que preside Ethel Vázquez contribuirán á mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais dos ecosistemas que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna dos ríos.